O Programa de familias monoparentais con fillos menores ó cargo, pioneiro en Galicia, levará a cabo parte das súas prestacións neste novo local
O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, e a concelleira de Sanidade e Benestar Social, Marga Martín, inauguraron esta mañá un novo local, destinado á atención dos nenos das familias monoparentais, no barrio das Lagoas. Trátase dunha nova instalación destinada a familias monoparentais cun único proxenitor e con fillos menores ó seu cargo, en idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, residentes no Concello de Ourense.
O Concello de Ourense, consciente do importante aumento da monoparentalidade na nosa sociedade, pretende apoiar a estas familias ante as necesidades e dificultades específicas que teñen para a conciliación da vida laboral. Deste xeito, o obxectivo principal é o de contribuir a evitar que as familias monoparentais con menores ó cargo e sen rede de apoios suficiente perdan posibilidades laborais e ou formativas. Este Programa atendeu ata este momento a un total de 256 familias e a 350 nenos/as.
A inauguración deste local supón unha aposta sustancial pola mellora das infraestructuras, equipamentos e calidade dos servicios prestados a través deste programa. A nova instalación, que está situada no barrio das Lagoas, na rúa Vasco da Ponte nº 1, conta cunha superficie de 250 m2 distribuidas en varias salas para actividades educativas, de xogo e de lecer, informática, estudo ou descanso.
Entre os servizos ofertados figuran actividades de ocio e tempo de lecer, material audiovisual e informático e especial atención as desenvoltas na sala de estudio e biblioteca, con actividades de animación á lectura, apoio escolar, préstamo de libros para nenos, e bibliografía específica de consulta e préstamo para pais.
O centro ofertará un proxecto de actividades educativas e lúdicas individualizado e adaptado ás idades, características e necesidades dos distintos rapaces e familias usuarias, contando cun equipo interdisciplinar de personal educativo e auxiliar con formación específica ó respecto, complementando os servicios de atención domiciliaria e traslados que se prestan dende o Programa.
O novo local conta cun coidado deseño e equipamento, especialmente concebido para convertilo nun espacio humanizado e estimulante para o desenvolvemento dos rapaces.



